Blog
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra USC organiza a cuarta edición das xornadas sobre ingredientes e aditivos na industria láctea e alimentaria.
Despois da excelente acollida das edicións anteriores, nesta nova edición volvemos reunir profesionais e expertos do sector para analizar as últimas innovacións en ingredientes e aditivos empregados no desenvolvemento de novos produtos. O enfoque será práctico e centrado no deseño e fabricación de derivados lácteos e outros produtos alimentarios..
Nas xornadas de día e medio de duración que se desenvolverán durante os días 22 e 23 de outubro de 2026, expertos e expertas do sector compartirán coñecementos e experiencias sobre as últimas tendencias, innovacións tecnolóxicas e aplicacións de ingredientes e aditivos no desenvolvemento de produtos alimentarios.
O programa incluirá dúas conferencias maxistrais impartidas por investigadores de recoñecido prestixio, Ángel Gil e Javier Fontecha, ademais de diversos relatorios nos que se abordarán as tendencias máis relevantes do mercado e os avances tecnolóxicos que están a marcar a evolución da industria.
Contaremos co apoio de empresas líderes do sector como patrocinadoras: Alifarma, Artica, Carburos Metálicos, FOSS, IFF, Innova Market Insights e Novonesis que compartirán a súa experiencia e ofrecerán unha visión práctica sobre a aplicación de ingredientes e aditivos no desenvolvemento e produción de novos produtos.
Estas xornadas están dirixidas principalmente a responsables e técnicos dos departamentos de I+D+i, innovación, mercadotecnia, produción e calidade de empresas da industria láctea e alimentaria, a investigadores e a estudantado.
O evento terá lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria os días 22 e 23 de outubro. Para as persoas que estean interesadas, as xornadas ofrecen tamén a posibilidade de asistir á cea institucional que celebraremos no restaurante España.
A xornada do día 22 comezará ás 8.30 h coa recepción de asistentes e rematará cunha visita guiada ás instalacións da APLTA do Campus Terra ás 17:30 h. Ese día, a cea no restaurante España será ás 21.30 h.
A xornada do día 23 comezará ás 9.00 h e finalizará ás 14.15 h co xantar bufé no mesmo auditorio.
Inscricións:
- Ata o día 18 de outubro
- Cubir o Formulario de inscrición
Prezos:
- 175 €/persoa – Aplicarase un desconto do 10 % a partir da segunda inscrición da mesma empresa.
- 120 €/persoa para persoal da USC ey profesorado doutras institucións.
- 60 €/persoa para estudantado.
- 50 €/persoa para quen desexe asistir á cea oficial.
Se tes algunha dúbida, escríbenos ao correo electrónico aplta@usc.es para que cha resolvamos.
