Blog
A Universidade de Santiago de Compostela organiza a I Xornada de transferencia Avanzando cara a unha economía circular: novas achegas para valorizar subprodutos da industria alimentaria co financiamento da Deputación Provincial de Lugo.
Patricia Cazón, investigadora da USC asociada á APLTA, organiza esta xornada que busca compartir os últimos avances na valorización de subprodutos agroalimenarios e formentar o intercambio entre investigadores, empresas e profesionais.
DATA: 28 de novembro do 2024
HORARIO: das 16.30 h – 20.30 h
LUGAR: Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (rúa Montirón 150, 27002, Lugo)
ORGANIZACIÓN: Universidade de Santiago de Compostela
FINANCIAMENTO: Deputación Provincial de Lugo
INSCRICIÓNS: rebeca.carballo@aplta.es
A revalorización de subprodutos agroindustriais consolidouse como un piar estratéxico para afrontar os desafíos globais en sustentabilidade, economía circular e redución do impacto ambiental. Galicia, grazas á sólida traxectoria dos seus grupos de investigación e ás infraestruturas como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), conta cunha posición estratéxica como referente na xeración de coñecemento e na súa transferencia ao sector produtivo.
Neste marco, a investigadora da USC Patricia Cazón organiza nas instalacións da APLTA a xornada de transferencia Avanzando cara a unha economía circular: novas achegas para valorizar subprodutos da industria alimentaria.
O evento ten como obxectivo compartir os últimos avances na valorización de subprodutos agroalimentarios e fomentar o intercambio entre investigadores, empresas e profesionais.
Ao longo da xornada destacaranse investigacións innovadoras que exploran aplicacións sostibles destes subprodutos:
- «Revalorización de subprodutos agroindustriais para a obtención de compostos de valor engadido: un enfoque de economía circular».
Beatriz Gullón, doutora en Enxeñaría Química pola UVigo e investigadora Ramón y Cajal, falará sobre estratexias innovadoras para transformar residuos agroindustriais en compostos bioactivos, promovendo un modelo económico máis sostible e competitivo.
- «Valorización de licores de lavado de millo (CSL) para obter extractos biosurfactantes para a súa inclusión en formulacións biopraguicidas».
Alejandro López, doutor en Enxeñaría Química pola UVigo, abordará o potencial dos licores de lavado de millo como fonte de biosurfactantes que destacan pola súa biocompatibilidade, biodegradabilidade e capacidade para substituír ingredientes químicos en biopraguicidas.
- «Valorización de fibras en subprodutos de cereais e algas: novas oportunidades para a industria agroalimentaria».
Patricia López, doutora en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos e investigadora científica do CSIC, abordará o potencial dos subprodutos de cereais e algas como fontes de fibras funcionais, con aplicacións no desenvolvemento de produtos innovadores para a industria.
- «APLTA, oportunidades para a revalorización de coproductos e subprodutos da industria alimentaria».
Laura Abuín, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e técnica superior de investigación da APLTA, achegará un enfoque práctico sobre o aproveitamento de coproductos e subprodutos da industria alimentaria, destacando casos de éxito e oportunidades para a súa transformación en recursos de alto valor.
Con este evento, buscamos promover o potencial de transferencia do coñecemento xerado en Galicia cara a solucións aplicadas, impulsando a colaboración entre a comunidade científica e o tecido empresarial.