A Universidade de Santiago de Compostela organiza a II Xornada de transferencia Avanzando cara a unha economía circular: novas achegas para valorizar subprodutos da industria alimentaria co financiamento da Deputación Provincial de Lugo.


Patricia Cazón, investigadora da USC asociada á APLTA, organiza esta segunda edición que busca poñer en valor o talento investigador que se xera en galicia e favorecer o diálogo entre comunidade científica e tecido empresarial.

 

⇒ 5 novembro 2025 | 16:30 – 20.30 h

 Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias. Rúa Montirón, 150. Lugo

Máis info e inscricións: rebeca.carballo@aplta.es

Organiza: Universidade de Santiago de Compostela

Financia: Deputación Provincial de Lugo.

A preocupación polo medio ambiente está a transformar a maneira en que producimos e consumimos. A necesidade de reducir o impacto ambiental da industria, cumprir coa normativa sobre residuos e emisións, e responder á demanda social por produtos máis sostibles converten a valorización dos subprodutos agroalimentarios nun tema de máxima actualidade. Máis que un reto, é unha oportunidade para innovar e crear valor: transformar o que antes se consideraba desperdicios en novos produtos para a alimentación, a enerxía, a cosmética ou a agricultura.

Na segunda edición desta xornada de transferencia, catro investigadores presentarán os seus proxectos máis salientables sobre revalorización de residuos e subprodutos agroalimentarios. A través das súas charlas coñeceremos como é posible converter estes materiais en ingredientes con propiedades tecnolóxicas e comprobaremos que a investigación é clave para avanzarmos cara a unha industria máis xusta, eficiente, sostible e innovadora. Por cuestións de organización, cómpre inscrición previa para asistir en rebeca.carballo@aplta.es.

PROGRAMA

  • Miguel Cerqueira, investigador no International Iberian Nonotechnology Laboratory (INL) e líder de proxectos enfocados no desenvolvemento de novas tecnoloxías e materiais destinados a acadar sistemas alimentarios máis sustentables e saudables, ofrecerá un relatorio titulado “Envases activos como estratexia para manter a calidade dos alimentos”.

 

  • Marta Lores, catedrática de Química Analítica na USC e directora científica de i-Grape, spin-off universitaria dedicada ao aproveitamento de subprodutos vitivinícolas para obter extractos naturais de alto valor engadido, fará a súa intervención sobre “Ingredientes multifuncionais baseados en bagazo de uva branca”.

 

  • Uso de patacas de refugo para obter transglutaminase e mellorar os produtos do mar” é o título da charla de Manuel Vázquez, catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos na USC, referente en biotecnoloxía alimentaria e especializado na produción de aditivos e no desenvolvemento de materiais biodegradables para envasado.

 

  • Laura Abuín, licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e técnica superior de investigación na APLTA, e Antonio souto, investigador predoutoral da USC, achegarán un enfoque práctico sobre o aproveitamento dos produtos na industria alimentaria salientando unha das liñas de investigación levadas a cabo no centro onde as algas son as protagonistas no relatorio «Novas oportunidades de investigación na APLTA: valorización das algas como ingrediente alimentario».

Con este evento, a USC quere poñer en valor o talento investigador que se xera en Galicia e amosar como pode transformarse en solucións reais e innovadoras para a sociedade. O obxectivo é favorecer o diálogo e a colaboración entre a comunidade científica e o tecido empresarial, creando pontes que impulsen o desenvolvemento dun sector produtivo máis sostible, competitivo e baseado no coñecemento.