Blog
APLTA e Deputación de Lugo impulsan a formación no sector lácteo para favorecer o relevo xeracional no medio rural.
O curso de transformación do leite, gratuíto e dirixido a persoas menores de 45 anos, celebrarase o 25 de setembro nas instalacións da APLTA-USC en Lugo.
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC organiza o vindeiro 25 de setembro unha xornada de formación en transformación do leite, no marco dun contrato coa Deputación de Lugo. A iniciativa ten como obxectivo achegar ferramentas e coñecementos ás persoas novas interesadas en incorporarse ao sector lácteo galego e contribuír así ao relevo xeracional nas cooperativas e explotacións do rural.
O curso constitúe a segunda fase dun plan de acción orientado a impulsar o relevo xeracional e fortalecer o ecosistema da economía social no sector agroalimentario. A actuación desenvólvese no marco do programa europeo AGROSOCIAL, financiado polo Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A formación, de carácter teórico-práctico e gratuíto, está dirixida a persoas menores de 45 anos que traballen en explotacións lácteas galegas ou que estean interesadas en incorporarse ao sector. Ao longo da xornada abordaranse cuestións relacionadas coa microbioloxía e a hixiene nas instalacións, a elaboración de leites fermentados e fundamentos da queixería, así como a fabricación de iogur e queixo fresco.
A experiencia dos pequenos produtores
A xornada contará coa participación de Ana Corredoira, gandeira e bióloga, responsable da granxa ecolóxica A Cernada, en Palas de Rei. Con máis de dúas décadas de experiencia na agricultura e gandería ecolóxicas, Corredoira achegará á formación a perspectiva dos pequenos produtores e as dificultades ás que se enfrontan para desenvolver e consolidar os seus proxectos no medio rural.
Xunto coa Granxa Maruxa, de Monterroso, A Cernada forma parte de As Vacas da Ulloa, unha cooperativa galega de traballo asociado dedicada á transformación, envasado e comercialización de leite e derivados ecolóxicos. A cooperativa aposta por un modelo de produción local e sustentable e comercializa a marca de leite Sen Máis.

A participación de Corredoira permitirá coñecer de primeira man a experiencia dun proxecto que aposta pola transformación e comercialización da produción propia como vía para xerar valor engadido e contribuír á dinamización do rural galego.
O programa é o seguinte:
- 8.45 h. Recepción de participantes.
- 09.00 h – 10.00 h. Microbioloxía básica e hixiene nas instalacións.
- 10.00 h – 12.15 h. Entendemos como se fabrican os leites fermentados.
- 12.15 h – 12.45 h. Descanso.
- 12.45 h – 14.15 h. Fundamentos de queixería.
___
- 15.30 h – 16.30 h. Fabricación de iogur.
- 16.30 h – 18.30 h. Fabricación de queixo fresco.
- 18.30 h – 19.00 h. As Vacas da Ulloa S. Coop. Galega, un caso de éxito?
As prazas son limitadas e as inscricións realizaranse no correo formacion@aplta.es ou no teléfono 647 344 098.
Lugar: APLTA – USC. Rúa Montirón 150. 27002, Lugo.
