As instalacións do Laboratorio de Análise Sensorial permiten que os nosos paneis de catadores analíticos e o panel de consumidores traballen de maneira avanzada na determinación das características sensoriais dun produto.
Dispomos dos seguintes espazos:
- Local de preparación de mostras: situado nun lugar independente da sala de cata, utilízase para realizar todas as operacións previas (codificación, planificación da orde de presentación, colocación das mostras no seu medio de presentación -copas de cristal, pratos, placas Petri-).
- Cociña: equipada con todos os medios para poder reproducir preparacións culinarias en condicións controladas.
- Sala de cata informatizada: deseñada de acordo coa norma en vigor UNE-EN 8589:2010 para salas de cata. Está dotada de:
- Dez cabinas dispostas en dúas filas entre as que se sitúa un corredor para distribuír as mostras.
- Sistema de iluminación led que ofrece unha gama de condicións moi ampla ao permitir establecer 18 modos de cor, con 10 intensidades e brillos diferentes.
- Programa informático FIZZ Network, de Biosystemes, para captación e tratamento de datos.