O Laboratorio de Análise Microbiolóxica e o Laboratorio de Análise Fisicoquímica son as ferramentas clave para lles garantir ás industrias do ámbito alimentario que o produto final cumpre cos requisitos establecidos na lexislación no referente a recontos microbiolóxicos e á etiquetaxe. A maioría das análises realízanse utilizando o método de referencia e seguindo as normas ISO correspondentes.
As sinerxías cos outros laboratorios da planta, os anos de experiencia, a posibilidade de poder desprazarnos á empresa para recoller mostras ou facer determinadas análises in situ caracterizan a calidade dos servizos que ofertamos.
O Laboratorio de Análise Microbiolóxica ofrece un amplo abanico de análises que permiten:
- Asegurar a inocuidade dos alimentos.
- Realizar estimacións de vida útil analizando os microorganismos que poden provocar a súa deterioración.
- Levar a cabo un control de hixiene nas instalacións das empresas: ambiente, superficies, operarios.
- Efectuar rastrexos nas instalacións das empresas ao longo do proceso de fabricación para evitar problemas de contaminación no produto final.
- Asesorar sobre posibles causas dos defectos presentes nos produtos.
No Laboratorio de Análise Fisicoquímica realízanse análises desde o punto de vista bromatolóxico para coñecer a composición do produto. Co obxectivo de poder cumprir coa lexislación vixente en materia de etiquetaxe, efectúase a determinación do perfil nutricional do alimento.
- Determinación de proteína, nitróxeno, materia graxa, sólidos totais, minerais, lactosa, sal, pH, acidez do leite, ácidos graxos libres, proteólise en leite, acidez da graxa e oxidación lipídica.
- Probas para comprobar o tratamento térmico sufrido por un leite.
- Probas para comprobar a estabilidade dun leite.
- Determinación da eficacia da limpeza por ATPmetría.