O Laboratorio de Análise de Propiedades Físicas (APF) da APLTA xorde como resposta ás necesidades tecnolóxicas de I+D e innovación, produción e control de calidade da industria láctea e alimentaria no campo das propiedades físicas dos alimentos.

Os servizos que ofrecemos desde o laboratorio de APF pódense clasificar en tres apartados:

ESTUDOS ANALÍTICOS

O tipo de información que podemos proporcionar é moi variado. A continuación móstranse algúns exemplos de aplicación das nosas técnicas:

  1. Propiedades de textura e comportamento reolóxico (viscosidade, curvas de fluxo, límite de fluencia, firmeza, consistencia, cohesividade, adherencia, etc.).
  2. Predición da estabilidade física de emulsións estudando as concentracións: sedimentación, agregación (floculación/coalescencia) ou cremado.
  3. Determinación do tamaño de partícula en suspensións e/ou emulsións como pingas de graxa, agregados de proteínas, partículas insolubles de calcio, cacao, etc.
  4. Estudo da caracterización do comportamento de graxas para obter as temperaturas e enerxías de fusión, ademais das de cristalización.
  5. Obtención de curvas de comportamento da xelificación do amidón e outros aditivos texturizadores para prever o seu comportamento a diferentes temperaturas durante o seu procesamento.
  6. Caracterización de fenómenos de coagulación láctica e/ou encimática do leite.

DESENVOLVEMENTO E IMPLANTACIÓN DE PROTOCOLOS DE ANÁLISES PARA A INDUSTRIA

Deseñamos os protocolos de análises para conseguir a información que buscamos dun produto en concreto, determinando tanto a técnica máis apropiada como os parámetros analíticos óptimos para acadar o mellor resultado.

FORMACIÓN

O deseño da formación pode desenvolverse desde unha formulación estándar ou adaptando especificamente os contidos ás necesidades da súa empresa.

Existen varias posibilidades:

  • Realización de cursos nas nosas instalacións (inclúen prácticas cos nosos equipos de medición).
  • Desprazamentos ás instalacións dos clientes para levar a cabo formación teórico-práctica cos equipos dispoñibles.
  • Formación teórica online a medida na nosa plataforma.
APLTA - USC